OS GALEGOS NON TERÁN QUE PAGAR COMO GANANCIA PATRIMONIAL POLAS HERDANZAS ENTRE VIVOS PROPIAS DOS PACTOS SUCESORIOS DE GALICIA
Tratase dunha sentencia da sala do contencioso do Tribunal Supremo desestimando un Recurso de Casación en interés de Lei presentado pola AEAT, basandose nun cliente de Asesoria Bieito s.l. que presentou ao Tribunal Economico-Administrativo e logo foi presentado polo despacho de Xoán Antón Pérez-Lema e estimado polo Tribunal superior de Galicia.
As herdanzas recibidas mediante pactos sucesorios entre vivos non tributarán no IRPF como ganancia patrimonial. Así o acaba de dictaminar o Tribunal Supremo ao darlle a razón a un contribuinte que se acollera á modalidade do apartamento, prevista no Dereito Civil de Galicia, para transmitirlle en vida aos seus herdeiros a lexítima que lles correspondería.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) déralle antes a razón ao contribuinte, pero a Administración Tributaria estatal recorreu en casación perante o Supremo, que acaba de confirmar de xeito definitivo a resolución do TSXG que recoñece este dereito especial dos galegos que se acollen a pactos sucesorios como o apartamento ou a mellora.
O Tribunal Supremo aclara de vez que os pactos sucesorios de mellora e apartamento do Dereito Civil de Galicia non tributan no IRPF das persoas (normalmente pais ou avós) que fan a disposición patrimonial, como ata o de agora consideraban tanto a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) como a propia Administración do Estado, descoñecendo o inequívoco sentido do preceptos do Dereito Civil galego. Con esta sentenza péchanse de xeito definitivo os conflitos tributarios xerados pola equivocada cualificación dos pactos sucesorios levada a cabo pola Administración Tributaria, que conducía aos contribuíntes galegos a unha indebida tributación das súas herdanzas no IRPF.
Segundo o letrado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, que representou os intereses do demandante, “esta sentenza dálle moita seguranza xurídica ás institucións sucesorias galegas, moito máis flexíbeis ca as estatais e moito máis conectadas coas modernas tendencias a prol dunha meirande liberdade sucesoria”. Para Pérez-Lema, “Galicia é un bó país para a sucesión”, xa que esta resolución firme do Supremo, “xunto co propio marco fiscal galego para o Imposto de Sucesións, farán moi competitiva a nosa normativa a respecto doutros países e territorios”.
Apartamento e mellora
O apartamento e a mellora están regulados na Lei de Dereito Civil de Galicia e teñen efecto en vida do causante. O primeiro permite acordar a adxudicación en vida de bens da herdanza a quen no momento da celebración do pacto tivese a condición de herdeiro forzoso, a cambio de que este renuncie de xeito irrevogábel a esta condición. Co pacto de mellora poden adxudicárselle bens concretos a un descendente. Este tipo de pactos en vida están prohibidos no Dereito Civil común, que rexe en todo o Estado agás Galicia e os restantes territorios cun dereito civil propio (Euskadi, Navarra, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e Aragón).
A actuación profesional do despacho coruñés Pérez-Lema desenvolveuse en colaboración coa Asesoría Bieito de Ourense, o director do cal, o economista Bieito Seara, representou ao demandante na reclamación administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia.
Descarga o PDF da Sentenza: Download