A partir do 5 de outubro de 2026 entrarán en vigor novas obrigas para as empresas en relación coa información que deben facilitar por escrito ás persoas traballadoras.
A nova normativa amplía a información sobre as condicións da relación laboral que debe entregarse ás persoas traballadoras. Entre outros aspectos, inclúe información relativa ás retribucións variables, á distribución da xornada e ás quendas, ao período de proba, á formación, aos sistemas automatizados que poidan influír en decisións laborais e ás medidas de igualdade e conciliación existentes na empresa.
Especial atención ás novas contratacións
Nas novas incorporacións, a información obrigatoria deberá entregarse antes de que a persoa traballadora comece a prestar servizos. Esta obriga súmase á necesidade de tramitar previamente a alta na Seguridade Social.
Por este motivo, é imprescindible que as novas contratacións sexan comunicadas á asesoría coa suficiente antelación. A comunicación inmediatamente anterior ao inicio do traballo pode impedir que se prepare e entregue a documentación dentro do prazo esixido.
Información que deberá facilitar cada empresa
Parte da información requirida dependerá da organización e das circunstancias particulares de cada empresa. Por exemplo:
- Sistemas de retribución variable.
- Distribución da xornada, horarios e quendas.
- Plans ou medidas de igualdade.
- Medidas de conciliación.
- Protocolos fronte ao acoso.
- Medidas para a igualdade das persoas LGTBI.
- Sistemas algorítmicos ou automatizados utilizados pola empresa.
A asesoría poderá proporcionar o modelo correspondente, pero cada empresa deberá completar, revisar e validar a información relativa á súa organización interna, garantindo que sexa correcta e se manteña actualizada.
Persoas que xa están traballando na empresa
As persoas traballadoras que xa formen parte da empresa poderán solicitar esta información. Nese caso, deberá facilitárselles dentro do prazo legal establecido de 30 días hábiles.
Consulte a circular informativa
Enviamos por correo electrónico unha circular na que explicamos estas novidades con maior detalle. Recomendámoslles que a lean atentamente e, de maneira especial, que teñan en conta os novos requisitos aplicables ás futuras contratacións.
Lembren comunicar á asesoría calquera nova incorporación coa debida antelación e sempre antes do inicio da prestación de servizos.
Para calquera consulta ou aclaración, poden poñerse en contacto connosco.
Asesoría Bieito
Entrada en vigor: 5 de outubro de 2026
Download
Documento relacionado:

