DeCA: Revisión do prezo do transporte por variación do custo do combustible

A obriga de dispoñer dun Documento Electrónico de Control Administrativo (DeCA) dixitalizado para os servizos de transporte público de mercadorías entrou en vigor o pasado 6 de outubro. Este documento deberá conservarse debidamente arquivado e estar en todo momento á disposición da Inspección de Transportes.

Así mesmo, a Lei 15/2009, do contrato de transporte terrestre de mercadorías, establece a posibilidade, e en determinados casos a obrigatoriedade, de revisar o prezo do transporte cando a variación do custo do combustible supere o 5 % entre a data de contratación do servizo e a súa efectiva realización.

Esta revisión deberá calcularse conforme á fórmula legalmente establecida, aplicando a porcentaxe de variación do combustible e o coeficiente correspondente segundo as táboas oficiais en función da distancia percorrida. O importe resultante deberá figurar de forma detallada na factura emitida, quedando debidamente vinculado ao correspondente DeCA.

Por todo o anterior, ademais de cumprir coa obriga de emitir e conservar o DeCA en formato dixital, recoméndase ás empresas de transporte que analicen a conveniencia de incorporar nos seus contratos e procedementos de facturación os mecanismos de revisión do prezo por variación do combustible, de acordo coa normativa vixente. Isto permitirá ofrecer unha maior transparencia aos clientes e evitar posibles incidencias ou sancións por parte da Administración de Transportes.

Cómpre lembrar que se trata dunha obriga propia da normativa de transportes e non dunha obriga de natureza fiscal. Por este motivo, recomendamos ás empresas afectadas que contacten coa asociación profesional de transporte á que pertenzan ou con asesores especializados no sector, co fin de recibir orientación sobre a implantación destes procedementos e sobre as aplicacións ou ferramentas informáticas máis axeitadas para a súa xestión.

Dado que estas obrigas forman parte da xestión específica da actividade de transporte e non resultan necesarias para a elaboración da contabilidade e das obrigas fiscais que se tramitan desde esta asesoría, os seus requisitos e o seu cumprimento non son obxecto de comprobación por parte de Asesoría Bieito, polo que cada empresa deberá asegurarse de que os está a aplicar correctamente.

En todo caso, quedamos á súa disposición para aclarar calquera dúbida relacionada con esta comunicación.

ASESORÍA BIEITO

image_pdfimage_print
Contacta