O IVE chega ás vivendas de uso turístico a partir do 1 de decembro de 2026

A partir do 1 de decembro de 2026, os propietarios de vivendas destinadas a uso turístico que se aluguen por períodos inferiores a un mes deberán aplicar un IVE do 10 % aos seus clientes.

Isto supón un cambio importante para moitos propietarios que ata agora non tiñan obrigas periódicas en materia de IVE.

Que obrigas implica?

Os propietarios deberán:

  • Repercutir o IVE nas súas facturas ou recibos.
  • Presentar trimestralmente o Modelo 303.
  • Presentar, cando corresponda, o Modelo 390 anual.
  • Conservar a documentación da actividade.

Hai algunha vantaxe?

Si.

Ao pasar a desenvolver unha actividade suxeita a IVE, será posible deducir o imposto soportado en determinados gastos relacionados co aloxamento turístico, entre eles:

  • Electricidade e auga.
  • Limpeza.
  • Mantemento e reparacións.
  • Servizos contratados para a explotación da vivenda.
  • Outros gastos directamente vinculados á actividade.

Isto permitirá recuperar parte do IVE que ata agora se asumía como un custo máis.

Que documentación haberá que conservar?

Será necesario levar un control ordenado de:

  • Ingresos obtidos polos alugueiros.
  • Gastos da actividade.
  • Facturas emitidas.
  • Facturas recibidas.

Esta información deberá remitirse periodicamente á asesoría para poder cumprir coas correspondentes declaracións tributarias.

Como prepararse?

Aínda que a medida non entrará en vigor ata o 1 de decembro de 2026, recomendamos aos propietarios de vivendas turísticas que comecen a gardar e organizar correctamente as facturas e xustificantes relacionados coa actividade.

Deste xeito será moito máis doado adaptarse ás novas obrigas e aproveitar as deducións ás que se terá dereito.

Asesoría Bieito
Se tes unha vivenda de uso turístico e tes dúbidas sobre como che afecta esta nova normativa, estamos á túa disposición para axudarche.

image_pdfimage_print

DeCA: Revisión do prezo do transporte por variación do custo do combustible

A obriga de dispoñer dun Documento Electrónico de Control Administrativo (DeCA) dixitalizado para os servizos de transporte público de mercadorías entrou en vigor o pasado 6 de outubro. Este documento deberá conservarse debidamente arquivado e estar en todo momento á disposición da Inspección de Transportes.

Así mesmo, a Lei 15/2009, do contrato de transporte terrestre de mercadorías, establece a posibilidade, e en determinados casos a obrigatoriedade, de revisar o prezo do transporte cando a variación do custo do combustible supere o 5 % entre a data de contratación do servizo e a súa efectiva realización.

Esta revisión deberá calcularse conforme á fórmula legalmente establecida, aplicando a porcentaxe de variación do combustible e o coeficiente correspondente segundo as táboas oficiais en función da distancia percorrida. O importe resultante deberá figurar de forma detallada na factura emitida, quedando debidamente vinculado ao correspondente DeCA.

Por todo o anterior, ademais de cumprir coa obriga de emitir e conservar o DeCA en formato dixital, recoméndase ás empresas de transporte que analicen a conveniencia de incorporar nos seus contratos e procedementos de facturación os mecanismos de revisión do prezo por variación do combustible, de acordo coa normativa vixente. Isto permitirá ofrecer unha maior transparencia aos clientes e evitar posibles incidencias ou sancións por parte da Administración de Transportes.

Cómpre lembrar que se trata dunha obriga propia da normativa de transportes e non dunha obriga de natureza fiscal. Por este motivo, recomendamos ás empresas afectadas que contacten coa asociación profesional de transporte á que pertenzan ou con asesores especializados no sector, co fin de recibir orientación sobre a implantación destes procedementos e sobre as aplicacións ou ferramentas informáticas máis axeitadas para a súa xestión.

Dado que estas obrigas forman parte da xestión específica da actividade de transporte e non resultan necesarias para a elaboración da contabilidade e das obrigas fiscais que se tramitan desde esta asesoría, os seus requisitos e o seu cumprimento non son obxecto de comprobación por parte de Asesoría Bieito, polo que cada empresa deberá asegurarse de que os está a aplicar correctamente.

En todo caso, quedamos á súa disposición para aclarar calquera dúbida relacionada con esta comunicación.

ASESORÍA BIEITO

image_pdfimage_print
Contacta